A Masa Coral de Valladares foi un dos primeiros e máis importantes proxectos culturais do antigo Teleclub desta parroquia. Co nacemento deste, en xaneiro do 1971, comezaron as inquedanzas para lograr un grupo de persoas, mulleres e homes, ós que lles gustase o canto colectivo e que se decidiran a formar parte da futura coral.
A Xestora do Teleclub nomeou como delegado para este menester a Justo Comesaña, directivo da entidade cultural, para que se encargara de xestionar o proxecto. Cometido que levou a cabo coa axuda doutros compañeiros. O primeiro paso tiña que ser a publicidade e polo tanto había que buscar o xeito de sacar un comentario con foto no diario máis lido entón como era o Faro de Vigo. O trámite foi sinxelo xa que Justo era compañeiro de traballo de Luis Martínez Salgado que, ademáis da súa profesión de administrativo, era colaborador do Faro. Unha tardiña chegaron a Valladares o Sr. Martínez Salgado e un fotógrafo para dar testemuña gráfica do evento. Foi cando varios directivos do Teleclub personáronse na parada de autobus sita fronte ó Centro, esperando a chegada do autobús da Empresa García e tratar de convencer a parte dos pasaxeiros que alí desembarcaban, para que accedesen a subir á biblioteca da entidade e facer unha foto que sería publicada no mencionado diario o día seguinte. Conseguiuse un nutrido grupo de persoas, mulleres e homes, dos que moi poucos formaron parte da futura masa coral, cousa moi normal xa que o que se pretendía era lograr un grupo que dera testemuña gráfica do acto, sen apelar a súa condición nin aptitudes para o canto.
A publicación da foto cun pequeno comentario deu os resultados esperados, motivando comentarios favorables sobre a iniciativa tomada pola entidade cultural, pero quedaba por diante un grande traballo para que os veciños de Valladares tomasen interese por unha iniciativa que, aínda que en principio gustáballes, se lles antollaba complicada dado o total descoñecemento técnico da materia.
Pouco a pouco, a base de comentarios, explicacións dos métodos a aplicar e resultados conqueridos noutros lugares, comezou a inscrición de compoñentes. Tocaba agora buscar persoas que se encargasen da fundamental laboura de ensinar e dirixir. Iniciáronse conversas con José Iglesias, director da banda de música de Valladares e con Antonio Piñeiro (Toniño), músico profesional militar e veciño de Valladares, que serían os encargados da formación musical e artística do grupo. Toniño aceptou ensinar ás mulleres e José os homes pero, dado que tanto Toniño como José carecían de experiencia nesta actividade, e manifestada pola Xunta Rectora do centro a grande preocupación porque a coral nacese con tódalas garantías na parte didáctica, xurdía a conveniencia de contar cunha persoa con probadas experiencias neste campo para que actuase como asesor e supervisor do traballo desenvolvido. Ninguén mellor para o cargo que Francisco Rey Rivero, destacado compositor e director entón da Coral Casablanca Vigo, ao que foi fácil chegar e convencer por, entre outros motivos, ser compañeiro de profesión de Justo Comesaña, pois os dous traballaban como administrativos en casas consignatarias de barcos na Alameda de Vigo. Axudou tamén, o feito de ser coñecido de Delio Guisande, directivo do Teleclub, polos convenios culturais entre a Coral Casablanca e a Caixa de Aforros, onde Delio traballaba.
Conseguido o número suficiente de compoñentes e os cualificados mestres comezaron, a principios do ano 1974, os ensaios do grupo que faría a súa presentación pública no adro parroquial de Valladares nas festas de San Campio, o 25 de agosto dese mesmo ano, contando nese momento con 55 voces mixtas, ofrecendo un concerto no torreiro dirixido polos tres directores que os formaron como coristas: D. Antonio Piñeiro Fernández, D. Francisco Rey Rivero e D. José Iglesias Ramilo.
No ano 1975 obtivo o primeiro premio no certame de Masas Corais promovido pola emisora local Radio Vigo.
Outro premio en 1977, despois de participar en varios certames de panxoliñas e outros de carácter rexional.
Dentro das súas actuacións, as máis salientables son:
- 1983.- Obtivo o primeiro premio VIPS, patrocinado por Radio Vigo e a empresa Edigal. Neste mesmo ano, xunto coa Banda Unión Musical de Valadares, gravou o seu primeiro disco.
- 1984.- Celebración do X aniversario, no antigo Cine “Mary”. Pechouse o acto conxuntamente coa Coral Polifónica “A Marosa”.
- 1986.- Participa na TVG, no programa “Galicia para el Mundo”. Nos seguintes anos tomou parte en varios convenios coa Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo e tamén en recitais de tipo didáctico.
- 1992.- Desprazouse a Porto (Portugal).
- 1995.- Graba o seu segundo disco, nesta ocasión xunto coa Coral do “Real Club Náutico de Vigo” e a “Unión Musical” de Valladares.
- 1996.- Tivo unha brillante actuación no auditorio Caixanova, na compaña da Coral do Náutico. En outono voltou a Portugal. O 28 de decembro participa no concerto de Nadal, no auditorio Caixanova. O día seguinte, homenaxéase ó seu director D. Xosé Iglesias Ramilo tamén no auditorio Caixanova e dentro dunha actuación promovida pola “Fundación Celta”, e
o Concello de Vigo. Dende entón repiten todos os anos por esas datas conxuntamente coa Coral do Real Club Náutico e a Banda “Unión Musical” de Valladares.
- 1999.- Celebrouse o “Especial 25 Aniversario”, debaixo dunha carpa coa presenza dos que foran os seus directores ate a data.
- 2000.- Estivo no auditorio do Palacio de Cristal, en Porto (Portugal).
- 2003.- Nos meses de abril e maio dese ano, organizaronse concertos de masas corais na Igrexa parroquial. Entre as convidadas está a Coral Santa Cruz da Graciosa, que nos ofreceu un concerto de despedida inesquecible.
- 2004.- Celébrase o 30 aniversario, para o que contamos coa presenza da Coral Minera de Turón (Asturias) e a Coral do Real Club Náutico de Vigo. En setembro desprazámonos ás Illas Azores para devolverlles a visita que nos fixeron no ano anterior a Coral Santa Cruz da Graciosa.
- No ano 2007 promoveuse un festival de habaneras.
- Dende o ano 2005 ate a data témonos desprazado por diversos puntos do Estado, entre outros, temos viaxado a Cataluña (no ano 2010), Cantabria (2012) e Salamanca (no ano 2013). Fora de España temos visitado Portugal en diversas ocasións, como xa recollemos nesta memoria.
- En Maio de 2014, celebramos o 40 aniversario, para o que realizamos unha serie de concertos, ca colaboración do Coro de Sâo Pedro da Cova (Portugal), Camerata Abulense (Ávila), Cantares de Brión e Orfeón Mariñeiro do Berbés, cerrando dita serie cun concerto do Orfeón Rey Rivero e a U.M. de Valladares.
- No ano 2015 desprazouse a Avila
- No ano 2016 actuamos en Segovia.
A clave de todos estes éxitos é o esforzo, traballo e profesionalidade do seu director D. Xosé Iglesias Ramilo.
Na actualidade a nosa Coral conta con 55 voces mixtas.
Ao longo destes máis de 40 anos de vida da coral, pasaron por ela moitas persoas que, por diversos motivos, tiveron que deixala.
Dos compoñentes que fixeron aquela presentación no ano 1974, seguen formando parte do coro as seguintes persoas: As irmáns: Carmen, Alba e Rosario Alonso Pérez. Os irmáns, Chelo, Sesa e José Iglesias Ramilo (Director), Justo Comesaña, Manolo Brea, Jaime Freiría, José Carlos Estevez. Fundadores que voltaron Ermitas e Lidia Comesaña. Na actualidade segue sendo noso director D. José Iglesias Ramilo e Subdirectora, Dona Teresa Iglesias Ramilo.