Skip to content Skip to navigation

Cantareiras do Alba

 


O grupo “Cantareiras do Alba” pertence ó Centro Cultural e Veciñal de Valladares, Vigo. Nace en marzo do 2002,  ao xuntarse un grupo de mulleres con gran afección ó canto e á recuperación de cancións antigas. O grupo está baixo a dirección de Elena (Leni) Pérez, mestra de recoñecido prestixio no mundo do folclore tradicional e integrante de distintos grupos musicais, algúns deles como “Tanxedoras” incluso con edicións discográficas no mercado.

As Cantareiras do Alba, teñen actuado por toda a bisbarra de Vigo, arredores e o veciño Portugal; amenizando seráns, romarías e festas, desfilando cos seus vistosos traxes alí onde foron convidadas. Dende os seus comezos actuaron en distintos Centros Culturais como os de Beade, Bembrive, Castrelos, Atios, Centro Penitenciario A Lama, Residencia Asistida,etc. Tamén participaron en Barreiro (Lisboa), no Festival organizado polo Rancho Folclórico dese lugar.

Hai que destacar a súa participación nas Romarías de San Gregorio, Rías o Rosas, Santísimo en Pedornes, Santa María de Oia, así como nas Festas da Parroquia: San Campio, Santo André e a romaría da Virxe da Alba.

En abril do 2012 gravaron o seu primeiro traballo discográfico chamado “Cantareiras do Alba”, onde aparecen sete temas de música tradicional e popular galega, cantados e acompañados de gaitas acordeóns e percusión.

Colaboran co grupo de baile do centro, interpretando pezas para acompañar distintos bailes. Tamén colaboran na organización de distintos actos organizados polo Centro Veciñal como o serán anual no mes de maio promovido por elas dende fai uns 12 anos, a festa do socio, o magosto ou o San Xoán.

O seu amplo repertorio está composto por un amplo abano de cancións do folclore tradicional: muiñeiras, xotas, pasarrúas, mazurcas, pasodobres,...

O obxectivo desde grupo é a recuperación de cantigas tradicionais e populares galegas, e sobre todo, pasalo ben cantando e tocando. Na actualidade está composto por 15 voces femininas,  que se acompañan de diversos instrumento de percusión (pandeiros, pandeiretas, botellas de anís, tamboril, bombo, cunchas, cana,...) e para as actuacións ao vivo desprázanse con tres gaiteiros e un acordeonista, nos que se apoian para enriquecer o seu son.


Centro Veciñal e Cultural de Valladares - Copyright © 2014