50 ANIVERSARIO DO COLEXIO VALLADARES-IGREXA.
Os Plenos do Excmo. Concello de Vigo presididos por D. Rafael J. Portanet Suárez de datas: 27-05-1963, 30-07-1965, 29-12-1966, 05-06-1968, 27-11-1969 e 16-01-1970, en todos eles se fai referencia ao PLAN DE CONSTRUCCIÓNS ESCOLARES.
O Colexio de Valladares comenzao facendo CONSTRUCCIÓNS VASMAR co acondicionamento do camiño de acceso, transporte de xabre, morrillo e ensanche do mesmo. Tamén se construíron dúas casetas para almacenar ferramentas e materiais e procedeuse a apertura da case totalidade das zapatas de pilares así como ao acopio de ferro, grava e outros materiais. Traballos valorados en 28.000 ptas.
Posteriormente foi comunicada a esta contrata a decisión do Ilmo. Sr. Alcalde Presidente do Excmo. Concello de Vigo de que foran paralizados estes traballos, iniciando no seu lugar os do grupos Escolar das Carneiras, onde no foi posible dar comezo as obras por inconvenientes no terreo de emprazamento (vertedeiro de lixo), para definitivamente tomar o acordo a Xunta Provincial de Construcións Escolares de realizar os grupos adxudicados de Cabral-Carballal e Cabral-Igrexa.
Con esta data e concernente as obras executadas en Valladares, esta empresa recibiu nas súas oficinas de República Arxentina 24, escrito do señor Abade de Valladares, solicitando que o terreo fora desaloxado. Esta carta dicía o seguinte:
“Valladares, 18 de decembro de 1966
CONSTRUCCIÓNS VASMAR
República Arxentina 24-7º
Vigo.
Moi señores meus:
O obxecto de escribirlles, é en primeiro lugar, desexarlles felices festas de nadal en compañía das súas respectivas familias e en segundo lugar, dicirlles que cando boamente poidan, desaloxen do Campo do Xestal a caseta que alí fixeron e demais materiais acumulados, para poder durante o mes de xaneiro cultivar a finca e labra-la; porque agora parece que é propiedade de todos menos do Abade, e o concello, aínda que fixo as xestións de medir o terreo e levantar planos, non me brindou data para escriturar e pagar, parecendo que foi un xogo de nenos.
Os prexuízos a vostedes causados terán que reclamárllelos ao Sr. Alcalde, porque como vostedes comprenderán eu tamén me perxudiquei.
Sinto darlles esta nota, pero xa non podo aguantar tan larga broma.
Queda ás súas ordes seu afectísimo amigo.
Asinado D. Prudencio Costas Estévez, Abade da parroquia de Valladares.”
O miolo da cuestión estaba en que o concello necesitaba o terreo do cura para o colexio e o bispado necesitaba os terreos onde estaba localizada a igrexa dos Picos, no calvario, para realizar un novo templo.
Definitivamente a permuta lévase a cabo o día 16 de xuño de 1968 con algunhas modificacións, e dicir, no lugar no que hoxe está situada a Igrexa dos Picos no Calvario, da antiga parcela denominada Villa Balbina, antes Gándara ou Senra segréganse 1.012 m/2 e da finca Xestal en Valladares 6.621,80 m/2, quedando acordado o valor das mesmas en 910.000 ptas a parcela do Calvario e 662.180 ptas a de Valladares, tendo por tanto que aboar o Obispado ao Concello a diferenza, e dicir, 248.620 ptas.
Hai constancia de que unha vez substituído o servizo de Tranvías por VITRASA, oficializado nun acto institucional multitudinario levado a cabo na Esplanada do Naútico de Vigo o día 30 de xullo de 1968, cando días despois o primeiro autobús chega a Valladares, no Alto da Garrida, final de traxecto, tía Amalia do Groño Dª Amalia Ramilo Davila (1924-2013), interpela ao Sr. Alcalde no sentido de que para cando habería un Colexio Nacional en Valladares, ocasión que aproveita o Alcalde para dicirlle que moi pronto.
Por tanto a única fotografía coa que traballamos, situámola no verán do ano 1969, na que se observa dende a curva da Catusa na Crtra. de Valladares (PO-330) a estrutura do mesmo. A construción definitivamente levouna a cabo a empresa de construción Ramón Beamonde Del Río, sendo inaugurado o Colexio no curso Escolar 1969-1970. Nesta empresa e durante a construción do Colexio traballaron polo menos catro veciños de Valladares, Antonio Davila Alonso (Pirulete) da Cacheira) Eduardo Dacosta Torres (Tarzán), da Cacheira, Ricardo Comesaña Figueroa de Freixo e Perfecto Lorenzo Rodríguez (Chapirro) da Sobreira.
O pasado día 25 de maio a dirección do colexio celebrou a conmemoración do 50 aniversario, na que o Sr. Alcalde D. Abel Caballero, fíxolle entrega a directora Dª Mª Cristina Rodríguez Abalde, da distinción o colexio de Valladares de VIGUES DISTINGUIDO, outorgado o día da Reconquista.
Despois de varios actos, rematou a xornada cun xantar aberto no que participaron máis de 200 persoas.
Ex-alumnas@s de Valladares e Zamáns
Isidro "Caseiro"
Centro Veciñal e Cultural de Valladares - Copyright © 2014