O día 22 de agosto de 1972, procedeuse a inauguración oficial do Teleclube a que asistiron as autoridades do momento encabezadas polo Alcalde D. Antonio Ramilo Fernández-Areal e o Asesor Provincial de Teleclubes D. Alfonso Paredes.
A principios do ano 1975 e diante da trepidante dinámica das actividades que se xeraban día a día, en Asemblea Extraordinaria celebrada o día 12-05-1975, tómase o acordo de permutar con Evaristo Ramilo Figueroa o terreo colindante e iniciar as obras de ampliación. Despois de ano e medio aproximado de obras, de novo se procede a inaugurar as novas instalacións acudindo ao acto infinidade de autoridades locais e provinciais, interpretando a banda de música de Valladares varios pasodobres.
Para esta ampliación, máis que nunca a achega dos veciños foi fundamental. Os directivos contactaron coas empresas da parroquia e pediron a axuda de cada unha delas. O que tiña un camión púñao a disposición do centro, o que vendía cemento achegábao gratis, etc. Destacaron Nilo Davila e Ernesto “Cacharrón”, que se encargaron de facer toda a estructura de arriba abaixo, ou os irmáns Vila Comesaña que asumiron todo o traballo de carpintería. Julián Alonso Davila e outros moitos, colaboraron co seu traballo e a súa ferramenta para mellorar os accesos. Infinidade de veciños da parroquia traballaron, sobre todo os sábados e domingos. Foi así como remataron co soto e as dúas plantas coas que conta agora o Centro.
Con todo isto quedouse cun déficit de doce millóns das antigas pesetas, cando a obra estaba valorada en máis do triple. Isto amosa claramente que a achega veciñal foi moi alta.
A recuperación económica veu dada pola imaxinación daquelas persoas que, entre outras iniciativas, puxeron en circulación uns bonos recuperables, que despois ninguén cobrou por vontade propia. Neste punto tamén colaborou moita xente de fora.
A cantina foi administrada pola asociación e, constituíu unha importante fonte de ingresos. Cando había que traer mercancía, os irmáns Vila puñan a furgoneta e Jorge Barreiro puña o diñeiro, que só cobraba cando a cantina se recuperaba economicamente. Tódolos directivos, pasaron polas súas quendas de servicio na cantina, salvo os fins de semana que contrataban a unha muller. Esta muller non foi outra que Élida Alonso Alonso
Mención especial neste apartado para Manolo “Curro” cantos días perdeu do seu traballo e como lle quería a cantina que naquel momento era a alma económica do centro.
Pouco antes da inauguración da obra, coincidindo coa asistencia a un acto na honra de Miss Pontevedra, Delio, que entón era o tesoureiro, e Ignacio Costas, invitaron ao Comandante da Mariña a asistir á inauguración, que poucos días despois ía a celebrarse no novo local. Pero houbo un malentendido coa data e o comandante presentouse no centro, a tarde do mesmo día en que se atoparan en Pontevedra, momento no que se traballaba aínda nos retoques finais.
Ignacio deuse conta dunha eiva que existía no Centro Cultural, dado que moitos socios non facían case uso das instalacións. Por este motivo, en 1981 creouse a “Festa do Socio”. As primeiras que se celebraron foron no Monte Cepudo, aínda que na actualidade faise no Monte dos Pozos.
Esta festa recibiu varias modificacións co tempo. Unha delas foi a que levou a cabo Delio Guisande, que a ampliou a “Festa do Veciño e do Socio” en 1989. Máis tarde, comezouse a celebrar tamén nese mesmo día a ”Festa do Polbo”. Corría o ano 1990, cando se decidiu celebrar por primeira vez esta festa de carácter gastronómico, que xa se celebraba no Carballiño. A aceptación do polbo que se deu entre os veciños e foráneos, fixo que esta cita acadase o rango de Festa Gastronómica de Interese Galego.
Pero non tódolos cambios foron deste tipo, senón que tamén a animación da festa mudou considerablemente. Nun primeiro momento, esta reunión de socios amenizábase con actividades que se desenvolvían no C.C.A.R.
Sirva como exemplo o programa do ano 1983, cando se celebrou a segunda destas festas no mes de xullo. Despois da misa no Monte Alba, os socios se desprazaron ao Cepudo, onde se fixo a sardiñada, mentres se gozou coas actuacións do grupo de gaitas “Aturuxo”, do concerto da “Unión Musical”, do grupo de danza infantil, do teatro “Escoitade” ou do sorteo de Cornelio (o carneiro).
Co tempo, esta festa perdeu este compoñente, pois ao ter tamén subvencións foráneas, pasaron a ser contratadas tamén outras agrupacións e, ao ampliar o público, anulouse o carácter de veciñanza que existiu en tempos.
Para converterse nun acto máis aberto, máis humano, máis solidario, xa que os veciños de Valladares gústalle compartir mesa e mantel cos seus familiares e amigos, e iso é o que está a acontecer agora, resucitando non só unha festa de veciñanza senón unha Festa de Veciñanza e Amizade.”
Nesta etapa xurdiron varias das actividades que ten na actualidade o C.V.C.V. Unha das primeiras foi o grupo folclórico. Este foi creado o 13 de marzo de 1982, co apoio da directiva. O seu primeiro nome foi “Coros e Danzas” e estivo nos inicios baixo a dirección de Josefina Cabadas Costas. A presentación oficial foi no ano 1983. Catro anos despois, en 1987, o grupo de baile pasou a ter como profesor a Emilio Sotelino Domarco e, un ano mais tarde a Albino Iglesias Rodríguez. En maio do ano 1991, a Xunta Directiva novamente contou cos servicios de Josefina Cabadas e cambiouse o nome do grupo polo de “Ledicias”. En 1994, pasou a ser profesora Dona Margarita Pérez Lorenzo. O programa deste grupo abarca tódolos estilos de danza de baile populares do folclore galego: muiñeiras, xotas, polca, pandeiretadas, fandangos...
No mesmo ano, naceu tamén un grupo de gaitas: “Aturuxo”, que xurdiu ao amparo da escola de gaitas (que fora creada a finais de 1979), dirixida naquel momento por Nazario González Iglesias, coñecido polos seus alumnos como mestre “Moxenas”. A súa presentación pública foi tamén en 1982. Durante varios anos, os éxitos foron copiosos ata que, en 1995 morreu o mítico “Moxenas”, pasando a facerse cargo da escola e do grupo don Xosé Manoel Oliveira Rodríguez. Un ano despois, creouse a escola de percusión ao amparo de “Aturuxo”, dirixida por don Xosé Cristóbal Pascual Pérez.
Ademais, comezouse a publicar en 1982 unha revista informativa para os socios, que se chamou “O Adro”, da que saíron seis números. O equipo de redacción estivo composto por Raúl Alonso, Albino Iglesias, Alberto Costas e Benigno Comesaña, coa colaboración de Marina Figueroa, Isidro “Caseiro” e Xuntanza Xuvenil. Tratouse dunha publicación que deu cabida a todo tipo de actividades relacionadas coa parroquia.
No libro de Javier Campos Calvo Sotelo sobriño do que fora Presidente do Goberno español no ano 1981 faise referencia a esta revista, publicado pola Universidade Complutense de Madrid no ano 2008 (Facultade de Xeografía e Historia) na memoria presentada para optar ao grao de Doutor baixo o título “La Música Popular Gallega en los años de la Transición Política”.
É tamén destacable o volume de actividade que tiña daquela Xuntanza Xuvenil, organizando e participando en diversas actividades como: a I Gran Movida, as alfombras do Corpus Christi, a excursión ao curro de Morgadáns, as cucañas de San Campio, a marcha a San Xulián e o I Festival de Rock.
As categorías inferiores do fútbol parroquial pasaron nesta época a ser xestionadas polo C.C.A.R. e, xa en 1983 naceu o equipo de balonmán “C.C.A.R. Valladares”, aínda que tivo unha existencia relativamente curta.
O número de actividades coas que contou o centro foi crecendo a un ritmo vertixinoso. De feito, Ignacio Costas viviu un par de anécdotas curiosas. A primeira delas tivo lugar cando, alá polos comezos da década dos oitenta, se comezaron a ofrecer unha serie de axudas ás entidades culturais. Así foi como, sendo presidente da Deputación de Pontevedra Mariano Rajoy Brey, Ignacio asistiu, como representante do Centro Cultural, a solicitar subvencións para a Banda de Música, o grupo de teatro, a coral, o grupo de baile e o de gaitas. Ante o número tan grande de agrupacións, Rajoy quedou sorprendido e, bromeou coa posibilidade de que estivesen facendo trampa.
A segunda delas tivo lugar nunha homenaxe que lle fixeron a Ignacio no “Nova Olimpia”, ao que foron tamén tódalas actividades. Estando reunida alí a xunta directiva, chegou o Comandante de Mariña, que se quedou abraiado ao coñecer quen era o presidente de todos aqueles grupos alí concentrados.
En 1984, algúns actos e actividades do centro montábanse en vídeo, constituíndo pequenos documentais, que despois se proxectaban polos bares da parroquia e no propio Centro. Os artífices desta actividade foron Teodoro Piñeiro, Manolo Dasilva e Moncho, o fotógrafo.
Nesas alturas, se produciu un fito moi importante para o entón Centro Cultural Artístico e Recreativo de Valladares. Foi a consecuencia da moción de censura presentada polo grupo de concelleiros do que formaba parte Agustín Arca, no pleno do 7 de marzo de 1983. Acadouse o acordo de “Alteración da Cualificación Xurídica dos Bens de servicio Público na Parroquia de Valladares”.
Con data de 14 de abril, da man do alcalde Manuel Soto Ferreiro, o Concello de Vigo acordou vender a finca de 503 m2. Despois da súa aprobación pola Consellería correspondente da Xunta de Galicia, a Xunta Rectora do C.C.A.R. presentou o prego de condicións para a venta mediante concurso. Con data de 15 de outubro dese mesmo ano, compareceron ante o notario Alberto Casal Rivas os representantes do C.C.A.R. con Ignacio á cabeza, e asinaron o acordo polo prezo de 344.585 pesetas. Este importe foi o resultado da suma do valor do terreo (188.625 pesetas) e da actualización da compra (155.960 pesetas).
No pleno do 16 de novembro, ratificouse por maioría absoluta a propiedade ao C.C.A.R. da finca chamada Senra, na que estaba situado o seu centro cultural. Estableceu entón que, a finca sería destinada a conter un centro sociocultural parroquial e que os licitadores participarían sen afán de lucro.