Skip to content Skip to navigation

DELIO GUISANDE ALONSO

O seguinte cambio da directiva produciuse o día 7 de abril de 1979, Guillermo Alvarez Pérez cásase e trasládase a vivir para o Concello de Salvaterra de Miño, motivo polo que por aplastante maioría do resto dos directivos, ratificado pola Asemblea Xeral, pasou a ser Director o que dende os inicios do Teleclube fora o tesoureiro: Delio Guisande Alonso. Con el estiveron: Florentino Ramilo Costas, Isidro Piñeiro Pérez, Rodrigo Alonso González, Sergio Estévez Fernández, Isidro Barreiro Quintas, Xosé Ramón Seoane Rosende, Teodoro Piñeiro Alonso, e un longo etc. ata completar 50 membros, mantendo os mesmos criterios de organización que o seu predecesor e a maioría dos seus colaboradores.

No ano 1978 danse os pasos necesarios para adecualos Estatutos a nova normativa e a transformación do nome “TELECLUBE C.C.A.R.-Valladares” polo de “C.C.A.R.”. Os cambios fundamentais foron que o Presidente pasou a ser Director, o Monitor Animador Cultural e o máis importante o CCAR pasaba a ter capacidade xurídica. Esta petición foi aprobada o 2 de maio de 1979, polo Goberno Civil de Pontevedra. A pesar desta modificación, para moitos veciños o Centro seguiu e segue sendo o “Teleclube”.

Empezando ca etapa social de cara a atender tódalas necesidades dos veciños/as, viñan funcionando na parroquia as  alcaldías de barrio desempeñando estas tarefas Teófilo Piñeiro (Barrocas), Ramón Rodríguez (Carregal), Luís Martínez (Freixo), Julio Cabezas (Igrexa), Lucho “Parrandas” (Garrida), Sergio Estevez “Bernabeu” (Portal), o Sr. Justo e despois Tino (Sobreira). Con eles empezouse o movemento parroquial propiamente dito ao traveso do C.C.A.R ata que o Concello eliminou esta figura o que deu pé a por en marcha as comisións de barrio.  

Os equipos de fútbol Sala fundáronse en 1979 polo socio Agustín Fernández, autorizados pola Xunta Rectora xa mencionada, e correndo os gastos por conta do C.C.A.R. Nun primeiro momento existiron tres equipos: o “A” e o “B” foron inscritos na Federación galega de Fútbol Sala, mentres que o terceiro foi concibido para participar en torneos de sociedades e, tivo só tres anos de existencia. Na actualidade, ademais destes dous equipos hai outros que manteñen tamén unha boa relación co C.V.C.V. e, se traballa na extensión deste deporte a tódalas categorías. Aínda que cada equipo ten o seu delegado/a, existe unha coordinadora de todos eles.

Delio foi o directivo da transición na parroquia de Valladares por infinidade de razóns, foi o verdadeiro “Adolfo Suárez”, primeiro porque coa ausencia de Guillermo, asume a Presidencia, segundo porque foi un formador de directivos naquela época, ao seu carón os que compartiron tarefas nas directivas aprenderon a valorar infinidade de cousas que se descoñecían, a traballar polos demais sen pretender recibir nada a cambio, a ser honrados e darlle valor ata a derradeira peseta (cantas sesións ata altas horas da madrugada porque os números non cadraban... e volta a empezar) e por último porque sempre foi un home que tendeu pontes entre diversas formas de entender o feito cultural e entre persoas. De tódolos directivos nestes anos foi dos poucos que arriscou o seu propio patrimonio persoal perante longo tempo para que o Teleclube, o CCAR., ou o CVCV., seguiran funcionando e non se pecharan. Naqueles tempos as débedas solventábanse con préstamos persoais nas entidades financeiras, na actualidade con pólizas de crédito sobre o patrimonio que van pasando de directiva en directiva. Hoxendía despois dunha longa travesía no Teleclube, CCAR., CVCV., e o seu paso polo “mellor” Clube Deportivo Valladares, segue en activo exercendo como Secretario da Comunidade de Montes.


Centro Veciñal e Cultural de Valladares - Copyright © 2014