Skip to content Skip to navigation

OS PRIMEIROS ANOS DO EDIFICIO

OS PRIMEIROS ANOS DO EDIFICIO DO “TELECLUBE”

A IRMANDADE DE LABREGOS E AGRICULTORES.

As Irmandades de Labregos foron o xerme do asociacionismo de principios do século XX e estaban estendidas por todo o país,  velando polo interese deste grupo social. A súa sede en Valladares estivo no edificio no que se ubicou o primeiro Centro Veciñal e Cultural.

Trátase dun antigo edificio que foi doado polos fillos de Valladares en Buenos Aires, tal e como está reflectido no escudo que ten na fachada e que actualmente oculta o letreiro do Centro Veciñal e Cultural.

 Evaristo Figueroa Pereira, pai de  Regino Figueroa, foi un deses emigrantes en Buenos Aires que contribuíron economicamente a que se erguese o edificio.

A casa dos labradores tería axudas dos fillos de Valladares en América pero os que a fixeron foron os socios que non eran todos de Valladares polo contrario, algúns maiormente os ricos da parroquia estaban en contra porque era unha rama do sindicato UGT como as casas en Cataluña eran de artesáns e pertencían a CNT. Existen algúns documentos que así o testemuñan que nunca se fixo público para non prexudicar ao Centro e nas datas do Teleclube algunhas persoas falaron co sindicato para que non reclamaran a súa propiedade. Esta casa foi requisada polo Réxime de Franco no golpe de Estado do ano 1936 cando entraron os falanxistas, incluso no patio que había pola parte de atrás do edificio, os falanxistas collían a xente que estaba na taberna para facer instrucción militar. O último Tesoureiro da Irmandade de Labradores foi a tío Roque das Cortes home moi honrado e que tivo que entregar os cartos da Sociedade, sopena de ser perseguido e que lle pasara o que a moitos lle pasou.  

Daquela a parroquia de Valladares pertencía ao Concello de Lavadores. Esta Irmandade estivo destinada a procurar mellorar a situación dos labregos e, nas súas reunións entre outras cousas de labranza trataban os temas dos abonos, minerais, sulfatos, etc. Posteriormente, cada delegado de parroquia (Beade, Vincios, Matamá, etc.) acudían á sede central que representaba ás parroquias en Lavadores primeiro e en Vigo despois, e posteriormente o prohome do Concello ía a Pontevedra, á sede provincial, coas súas peticións ou problemas. Cunha pequena cota anual, os labregos xa se podían beneficiar desta institución.

            Na segunda etapa de Delio Guisande Alonso como Presidente e Isidro Barreiro Quintas na Area veciñal, a Directiva rendiulle unha homenaxe de desagravio aos familiares dos verdadeiros donos da casa entregándolle simbolicamente as chaves da mesma.


Centro Veciñal e Cultural de Valladares - Copyright © 2014