Skip to content Skip to navigation

A ESCOLA UNITARIA

“Escola Unitaria” de Valladares estivo situada no que actualmente é o Centro Veciñal e Cultural antigo. A estructura desta escola foi de dúas plantas. No baixo estiveron os rapaces e, no piso superior as raparigas. Algún dos profesores dos rapaces foron o que se coñeceu polo alcume de “Barbas Queimadas” e don  Hermindo Pérez Serodio. Precisamente do “Barbas Queimadas”, recorda  Maximino Iglesias Alonso, explicaba moi mal e o pouco que os rapaces aprendían era por outros compañeiros da escola ou noutros mestres privados da parroquia, como Xustia ou Xosé. Con respecto a  Hermindo Pérez Serodio hai que dicir que en xeral deixou bos recordos nos seus alumnos.

     No piso alto foron mestras Blanquita ou Asunción, entre outras. Dorinda Costas, que era veciña das Barrocas, recorda a súa etapa como alumna desta escola, aínda que recoñece que se aprendía pouco porque as necesidades nas casas, levaba aos cativos a traballar dende moi cedo.

As materias que se impartían eran diferentes no caso dos homes que no das mulleres. Todos aprendían a ler e escribir, pero os rapaces facían fincapé nas catro regras, mentres que as raparigas cantaban e aprendían labores de costura.

Algúns mestres insistían tamén en cuestións de hixiene, aínda que poucas veces conseguían resultados. Algo tan sinxelo como intentar que os rapaces lavasen os pés era moi complicado, pois moitos non tiñan nin zapatos, como lembra Saladino Costas Costas.

Nas familias con máis recursos, os nenos ían á escola dende os seis ou sete anos ata os catorce. Despois se querían continuar cos estudios debían ir a Vigo, para o cal precisaban baixar a pé ata Pereiró e alí collelo tranvía, e neste medio de transporte desprazarse ata o punto da cidade no que estudasen. Polo xeral nestes centros, como a Escola de Comercio, a Escola de Artes e Oficios a que asistiu Regino Figueroa Piñeiro, comezaban cun nivel moi alto, o cal supuña importantes dificultades para os rapaces que proviñan das parroquias, que tiñan polo xeral un nivel baixo.

 

Pegada a Escola do nenos, reuníanse os representantes da Falanxe, pois alí conservaban un cuarto,  fito que lembran os que foron alumnos deste centro, pois tiñan que ter moito coidado co que se dicía.

Convén mencionar as escolas unitarias de Igrexa-Cavadón e Garrida, dos anos 50 e 60, dos mestres D.Francisco e D.Xosé, respectivamente, na que cursaron estudos alumnos avantaxados da parroquia e que marcaron un fito no desenvolvemento da mesma. Sen esquecer que tamén funcionaron outras escolas dentro da parroquia como foron:

Sobreira: dirixida por Dª. Aurora, a onde acudían as raparigas da Garrida, Seoanes e Sobreira.

Barreira: Dirixida por Dª Elvira (vive na actualidade), á cal ao igual que a do Cabadón foi mixta.

Freixo: dirixida por Dª Xosefa, que tamén foi mixta. A esta mestra os veciños fixéronlle unha homenaxe e colocaron unha placa no coñecido “Balcón de Freixo”.


Centro Veciñal e Cultural de Valladares - Copyright © 2014