José Sarmiento de Valladares, Conde de Moctezuma
A casa de Valadares tivo a súa orixe, segundo parece, alá polo S.XII sendo fundada por D.Paio Suárez de Valadares, que era un rico-home de León e Galicia, pero que non tivo fillos varóns, foi nomeada herdeira a súa filla Dª Estefanía Aldonza Páez de Valadares que casou con D.Gonzalo Muñoz, Sr. de Saxamonde (Redondela).
Un dos seus fillos fidalgos D.Alvar Fernández de Valadares, finou en 1212 pelexando na batalla das Navas de Tolosa. Na sucesión de D.Alvar figuran personaxes que entroncaron coas poderosas casas de Soutomaior e Meira que usaron estes apelidos, sen abandonar o de Valadares, o que engadiron o de Sarmiento por enlace a mediados do S.XV, de Dª Teresa de Meira e Valadares, filla de D.Gregorio de Valadares, con D.García Sarmiento da casa de Sobroso.
D. Gregorio de Valadares, cabaleiro de Calatrava, entre os coutos de Valadares e Meira xuntaba un cento de vasalos e de corte traía 20 peóns e uns sete homes a cabalo. Aliado primeiro do polémico Pedro Madruga, convertiuse logo nun dos seus enimigos, xunto cos seus parentes Tristán de Montenegro e Diego Sarmiento de Soutomaior, morrendo nun enfrontamento entre os dous bandos, no Areal de Coia.
É moi probable que a casa de Valadares adquirise o dominio durante as loitas feudais do S.XV. Se houbo algún tipo de acordo cos prelados de Santiago, ou se a posuíron pola forza,é unha cuestión que aínda esta por dilucidar.
D. Gregorio, no seu testamento redactado en 1.475, deixaba a casa de Valadares ó seu fillo Pedro, e os coutos de Meira (Moaña) e Saxamonde (Redondela) a Tareixa, casada con García Sarmiento "o vermello", bástago da linaxe de Salvaterra.
Despois de varias vicisitudes, as dúas ramas volven a unirse na quinta xeración con D. Gregorio Sarmiento y Valadares, bautizado na Igrexa da Colexiata en 1.610 e cabaleiro de Santiago, levou a casa de Valadares, casándose con súa prima Dona Juana Sarmiento de Valadares, coa que tivo oito fillos, sendo o seu herdeiro Luís Valadares Meira e Sarmiento para quen o seu tío (irmán do pai) Don Diego Sarmiento de Valadares ( Inquisidor Xeral de España, Conselleiro de Castela, varias veces Bispo, etc.) consigue o título de Vizconde de Meira (Regullal) en 1.669 e posteriormente en 1.773 o nomeamento como primeiro Marqués de Valadares por partede Carlos II.
O Curato de presentación do Marqués de Valadares pagaba en Dezmos 23.300 reais, dos cales 11.300 correspondían o Párroco, 10.000 ó Cabildo Metropolitano de Santiago e os 2.000 restantes a Dignidade da Mestrescola de Tui. O rector ademais de disfrutar da casa e do Igrexariado, percibía de renda anual 20 ferrados de trigo, 9 de centeo e 1 de miúdo.
A casa dos Valadares, aínda existía no 1.666 e segundo parece era unha torre con catro cubos redondos, un en cada ángulo e estaba nunha elevación do terreo, a un cuarto de legua dopico do monte da Alba, pero xa non existe nin se sabe onde estaba ubicada. Suponse que o castelo atópase no lugar no que hoxe en día esta a Capela do Alba.
No 1698 concedéuselle ó Marqués de Valadares e Conde de Amarante, a explotación das salinas de Coruxo e da Ría de Vigo ás que deu gran impulso, pero que tivo que abandonar en 1.798 polo estado de abandono no que se atopaban debido ós temporais, ó contrabando de sal de Portugal e a desidia dos administradores.
Como a maioría da nobreza titulada galega, co tempo deixarán de residir nos seus dominios. Por exemplo, o IV Marqués D. Benito Enriquez Sarmiento, feneceu no 1.757 asasinado en Chantada (Lugo) por uns caseiros, mentres que o seu fillo e sucesor D. Francisco Xavier viviu na vila de Vigo ocupando a alcaldía no 1.770-1.771 aparecendo no censo de 1.764 como o máis rico de Vigo, con 44.000 reais de renda ó ano, pero o seu fillo o Coronel D. Martín Benito en 1.812, a dicir dos peritos, posuía na bisbarra un capital de 118.990 reais pese ó cal só era a fortuna número 25 por detrás dos mercaderes e industriais cataláns.
Os dereitos señoriais que recadaba o Marquesado nesta pequena xurisdicción aparecen especificados no catastro de Ensenada no 1.752:
Cada veciño que tivese un carro de bois, levaba unha carga de leña ou 6 reais polo seu valor; os que tiñan a metade levaban outro tanto, e as viúvas daban unha galiña ou 3 reais. Nesa data as cargas estaban encabezadas, e valorábase cada ano nuns 500 reais. Tamén percibían a loitosa equivalente a unha cabeza de gando ou a un moble, aínda que na práctica tiñan acordado entregar menos da cuarta parte do valor, o que equivalía nun ano a 110 reais da época.
Do 1.821 ó 1.823 Fco. Xavier Martínez (Marqués de Valadares, e daquela integrante da Deputación provincial de Vigo) presiona e consigue que Vigo obteña a capitalidade, así como que recoñeza como porto de 1ª clase. Posteriormente pasaríase ó bando absolutista de Fernando VII.
No ano de 1.882 os Marqueses de Valadares doaron os terreos necesarios para abri-la rúa que leva o seu nome.
Dende 1.943 o título de Marqués de Valadares uníuse o Marquesado de Mos, na persoa do XII Marqués, Grande de España.
Na actualidade o título obstentao un rapaz de vinte e tantos anos que se gaña a vida como calquera, lonxe da riqueza e obstentacción de outras épocas pretéritas.
O escudo co blasón familiar dos Valadares, Sarmiento, Meira e Troncoso figura na fachada principal da Igrexa (así como no retablo e nas paredes da Capela Maior), supoñendose que a familia está enterrada nun burato lateral existente nos muros.
Tamén podemos observa-lo escudo na Capela do Alba, e nunha casa particular, sita no Bº da Igrexa , no lugar da Torre.