Skip to content Skip to navigation

DENDE A TRANSICIÓN: UNHA INICIATIVA DE TIPO CULTURAL

IGNACIO COSTAS PIÑEIRO E O “TELECLUBE C.C.A.R.-Valladares”

Corría o ano 1960 cando  Ignacio Costas Piñeiro, retirado da Comandancia da Mariña, foi nomeado secretario do Xulgado Marítimo de Vigo e Vilagarcía.

Un 15 de agosto, na romaría da Virxe do Alba, un paisano comentoulle que as cousas no equipo de fútbol parroquial non ían ben; así que uns anos despois asume funcións na Directiva do Clube Deportivo Valladares, primeiro como Secretario na directiva de Guillermo (Estanco) e de seguido de Presidente.

Pero o deporte non satisfixo de todo os intereses deste home, que tiña no recordo aquel grupo de rapaces que no ano 1948, cando el era un neno, alugaban as famosas novelas de “El Coyote”. Este feito que tanto o abraiou na infancia foi o que o levou a pensar na posibilidade de crear unha biblioteca.

Co traslado da antiga escola unitaria para o actual centro o Colexio Público de E.X.B. de Valladares en 1968, o local onde hoxe se ubica o antigo Centro Veciñal e Cultural quedou baleiro. Este feito fixo que Ignacio vise a súa oportunidade, e foi onda o alcalde do momento, Portanet, a quen lle comentou a súa inquedanza pola creación dunha biblioteca. Nese mesmo ano, mentres estaba aínda no fútbol, recibiu a aprobación do alcalde que era da opinión de que “para a cultura todo o preciso”.

Ignacio, que aínda estaba de Presidente do Clube de fútbol, e despois de dúas campañas moi boas, motivado en parte polos ánimos dalgúns veciños, optou por deixar a dirección do equipo de fútbol e centrarse no novo proxecto.

Aproveitando que estaba en marcha a Rede Nacional de Teleclubes, acolléronse a esta iniciativa, que formou parte dun proxecto impulsado polo Ministerio de Información e Turismo, encabezado por Manuel Fraga Iribarne co apoio da Fundación “Pedro Barrié de La Maza”. Dende logo, a situación foi moi diferente da actual, pois non houbo subvencións e o gran logro veu da man dos veciños.

Traballo dos veciños.

Aínda que tiñan o permiso do Concello, houbo problemas para facerse co local, xa que a Falanxe non quería retirar del as súas bandeiras. Finalmente, púidose demostrar que o día 4 de febreiro do ano 1963, a Delegación Nacional de Sindicatos de F.E.T. y de las J.O.N.S. vendéralle a súa parte do local ao Concello de Vigo, ante o notario Cesáreo V. Ulloa. O Sr. Galobart García , como Delegado Sindical Provincial de F.E.T. y de las J.O.N.S., vendeu o local ao Concello de Vigo, sendo o seu alcalde José María Blanco.

 A transacción supuxo uns custes de 21.690 pesetas, a abonar en cinco anualidades de 4.338 pesetas. Nestas escrituras, os datos desta propiedade son: “URBANA: Casa de baixo e piso, con outra dependencia e terreo que a circunda, sinalada co número 65 no barrio da Igrexa, chamada Senra, cunha superficie de 503 m cadrados. Linda : Oeste, o fronte, estrada de Vigo a Vincios; Este, costas, camiño público e Evaristo Ramilo; Norte, esquerda, cos herdeiros de Diego Costas; Sur ou dereita, coa finca de Evaristo Ramilo. Libre de arrendatarios”. 

Unha das primeiras cousas que se fixeron foi convocar unha reunión de veciños. Creouse unha xunta xestora de acordo coa lei  para redactar os estatutos que rexeron o novo Teleclube. Así, o día 20 de xaneiro de 1971, nunha reunión celebrada no antigo local da escola unitaria, deuse a coñecer aos veciños a aprobación por parte do Ministerio de Información e Turismo, dun Teleclube para a parroquia, o cal se chamou “TELECLUBE C.C.A.R.-Valladares”.

A primeira Xunta Directiva quedou formada por:

Presidente Ignacio Costas Piñeiro.
Secretario-Monitor Benigno Comesaña Davila
Tesoureiro Delio Guisande Alonso
Vogais Justo Comesaña Costas.

Juan Manuel Pérez Fernández.

Jaime Freiría Ramilo.

Julián Alonso Rodríguez.

Roberto Freiría Ramilo.

Evaristo Rodríguez Figueroa.

Teodoro Piñeiro Alonso.

Lino Costas Piñeiro.

Justo Figueroa Figueroa.

Sergio Estévez Davila.

Manuel Barreiro Fernández.

Julián Alonso Davila.

Lino Rodríguez Novoa.

Blanca Davila Ramilo.

Teresa Ramilo Comesaña.

Mª. Paz Barreiro Fernández.

 

De inicio, a primeira directiva fixouse moito na actuación e o desenrolo do grupo que se fundara algo antes en Coruxo. Estes, como eran máis veteranos, en máis dunha ocasión levaron maior número de subvencións. Por iso axiña as ideas pasaron a ser todas de colleita propia.

As sucesivas xuntas directivas foron cambiando aos seus compoñentes, pero tamén os cargos existentes. Así, dunha estructura simple na que só había presidente, secretario monitor, tesoureiro e vocais, se pasou a engrosar a lista coas figuras dos vicepresidentes e diferentes comisións, xa fosen por actividades ou por barrios, dependendo do momento.

O local que conseguiran estaba nun estado precario, e houbo que facer obras. Para isto non contaron cun presuposto específico, senón que dependeron da boa disposición de todos e cada un dos veciños.

Pouco a pouco, os propios directivos foron acondicionando o pequeno local, duns 72 metros cadrados, distribuído en dous pisos. Na parte alta instalouse a biblioteca-Salón de Actos e, abaixo o servicio de cantina, unha pequena saliña para a lectura e, por suposto, unha sala de televisión.

Co novo alcalde, Antonio Ramilo Fernández Areal, ademais de apoio, tamén se recibiu para o Teleclube un equipo de son (que houbo que repoñer en varias ocasións debido á pillaxe) así como a construcción do muro, que está diante do edificio aínda hoxe. A televisión tamén a conseguiron gratis, e a “Fundación Barrié de La Maza” deu, durante varios anos consecutivos, conxuntos de libros.

Fachada do Teleclube durante os traballos de acondicionamento.

Para recadar diñeiro, diante da difícil situación económica, púxose en marcha unha rifa benéfica a nivel nacional a finais do ano 1974 e outra a finais de 1977, sendo nos dous casos a súa alma e impulsor a figura do Tesoureiro Delio Guisande Alonso. Existen infinidade de anécdotas das mesmas recollidas nos Libros de Actas. Nestas datas levouse a cabo a segunda remodelación do edificio despois da permuta con Evaristo Ramilo Figueroa quedando configurado o edificio tal e como o coñecemos na actualidade.

     O sorteo foi coa Lotería Nacional do 4 de xaneiro de 1975. O RENAULT-12 foi parar a Toledo, pero o SEAT-27 e o televisor a cor corresponderon ás rifas que ficaran sen vender. O coche vendeuse xerando novos ingresos, mentres que o televisor instalouse no Teleclube para deleite de tódolos socios.

Nun primeiro momento, o número de socios, aínda que tiñan que pagar unha cota de trescentas pesetas, creceu moi rápido. Quizais o motivo fose que se puxeron en marcha diferentes actividades dependentes do Teleclube.

No ano 1972 arrancaron por primeira vez os xogos sociais, de tódolos tipos, como as cartas, o dominó, as damas, o billar, etc. Foi preciso facer quendas, porque non chegaba o sitio para tódolos participantes.

Segundo as actas do Teleclube, o 30 de marzo de 1973 contemplouse por primeira vez a posibilidade de crear un grupo de teatro. Pero foi o 28 de abril do mesmo ano cando un grupo de rapaces/as novos se reuniron co fin de crear “Escoitade”, co interese de realizar un intercambio de tipo cultural con outras entidades.

Só un ano despois, o día 20 de abril de 1974 creouse a Coral Polifónica. Dende entón, ambas actividades foron moi importantes na oferta deste centro, e completáronse con actos polo Nadal ou polo Entroido, magostos, charlas (exemplo delas son as de temas médico-social, que se impartiron por médicos de  recoñecido prestixio, a principios do ano 1975), etc.

Xa coa súa configuración inicial este Centro foi recoñecido como o mellor de España, situación que aínda mellorou coa obra.

O día 26 de maio de 1975, Evaristo Ramilo Figueroa permutoulle ao Teleclube o seu terreo de 75’13 m2 por outra de 66´20 m22. Esta permuta foi moi beneficiosa na posterior ampliación.

Corrían uns tempos moi difíciles, tanto a nivel económico coma social e político. Dende este último punto de vista, hai que destacar a enorme labor de Ignacio e o resto da directiva, que levantaron e defenderon o Teleclube durante a Dictadura tendo presente que sempre se buscou o mellor para a parroquia e houbo que negociar con verdadeiros dictadores e riquisidores e sen ningún tipo de garantías como se demostrou chegada a democracia.

Na transición, no ano 1977, Ignacio abandonou a presidencia do Teleclube, ao non gustarlle a actuación de determinados sectores da vida política. Dende o Teleclube deixárase moi claro que era unha entidade de tipo cultural e totalmente apolítica, pero non todo o mundo respectou esta cuestión e se repartiron panfletos no local. Este feito fixo que, tanto o presidente como outros puntais importantes do momento no Teleclube, deixasen a súa actividade.

...Pero non todo o mundo respectou esta cuestión empezando polo propio Ignacio xa que aproveitando o seu cargo de Presidente, participou para ocupar cargo de Concelleiro nunha lista de dereitas, poñendo a tódolos seus directivos a borrar o resto dos que figuraban na lista, quedando só o seu nome, e no reconto feito nos colexios de Valladares somentes puntuou el, con pequenas salvedades. Pero esta falcatruada saíulle mal porque no resto da cidade os “seus amigos da lista” actuaron da mesma maneira quedando Ignacio sen posto de edil. Ante este acto e outros que se viñan dando, un grupo de xente nova repartiu panfletos na cafetería do Centro”.

Ignacio non deixou o Teleclube, Ignacio perdeu as eleccións.

Esa idea inicial, co tempo foise transformando e hoxe na actualidade calisquer candidatura que se presente a unhas elección libres, pedíndoo polos cauces regulamentarios, se lle da audiencia e ten as portas do C.V.C.V. abertas.

Ignacio estivo ligado ao Teleclube dende os seus inicios ata o ano 1977, volveu no ano 1981 ata 1985, como xa se dixo, dúas  tempadas no Clube Deportivo Valladares, Augas da Garrida e a súa obra mestra o Cemiterio Particular. As Institucións parroquiais rendémoslle unha homenaxe o día 12 de outubro de 2007, concedéndolle a Primeira Medalla de Ouro da parroquia de Valladares . Con 78 anos faleceu no mes de xuño de 2010.


Centro Veciñal e Cultural de Valladares - Copyright © 2014