Skip to content Skip to navigation

O CENTRO VECIÑAL E CULTURAL DE VALLADARES

Cada vez máis, fóronse acentuando os problemas existentes entre o Centro Cultural e a Xunta Parroquial, por iso, se pensou na necesidade de xuntar ambas agrupacións e comezar a traballar unidos pola parroquia. E isto acadouse no ano 1989, cando o presidente da Xunta Parroquial era Florentino Ramilo e, o do Centro Cultural Teodoro Piñeiro. Ambas entidades fixeron asembleas e consultaron aos seus socios a posibilidade desta fusión. Despois elixiuse como novo presidente, que repetía mandato no C.C.A.R.: Delio Guisande Alonso. Xunto a el traballaron María Alonso, Orencio Ramilo, Carlos Alonso, Sergio Estevez, Isidro Costas, Isidro Barreiro, Enrique Alonso, etc.

Para canalizar os cartos ingresados en “Valores Independentes” no ano 1979 o Concello poñía pegas para que aqueles cartos se orientaban a traveso do C.C.A.R nace polo tanto a Xunta Parroquial, na que se agrupan o C.C.A.R. , os alcaldes de barrio, as comisións de barrio, e no que noutros lados eran as Asociacións de Veciños, aquí chamámoslle Xunta Parroquial. Con ela iníciase a reclamación dos montes veciñais, a través dela nace o 1º PLAN DE ACTUACIÓN PARROQUIAL, investíndose preto de 20 millóns de pesetas no asfaltado dos camiños da Igrexa, Carretera da Gándara e Carretera do Regueiro. As peticións dos barrios non atendidas, quedaban priorizadas para un 2º PLAN DE ACTUACIÓN PARROQUIAL. As forzas vivas da parroquia fallaron neste 2º PLAN ao non priorizar o asfaltado do Camiño da Pinguela, sendo este un dos argumentos empregados polos veciños de Freixo para crear a Asociación de Veciños de Freixo, isto....... a capacidade de “división” do Alcalde Manuel Soto Ferreiro e a excusa do vertedoiro do Zondal. Estes ingredientes deron pulo a formación da Asociación de Veciños de Freixo no ano 1987. Se algún problema se suscitou entre o C.C.A.R e a Xunta Parroquial neses anos foi a distribución dos cartos na parroquia. Deixar claro que a Comisión de Montes sempre mantivo que os cartos debían repartirse con criterios de proporcionalidade, racionalidade e priorizando actuacións.

Algúns dos logros desta directiva foron a configuración  da cafetería, a celebración do primeiro certame de rondallas, a construcción do pavillón de deportes, etc. As mulleres foron as primeiras encargadas de crear a comparsa do Entroido, antes de que o escultor Remixio pasase a facerse cargo desta tarefa, dirixindo esta actividade María Alonso.

As necesidades de fusión entre o C.C.A.R e a Xunta Parroquial levouna de forma total e absoluta a Directiva de Delio Guisande e de forma moi directa con Tino Ramilo e Isidro Barreiro Quintas, pedindo en algún momento a intervención do Sr. Arca, xa que os conflictos maiores viñan dándose á hora de solicitar as obras de mellora para a parroquia, as cales chegaban ao Concello solicitadas por dúas entidades, sen saber alí moi ben por onde tirar máxime que o peso de representación parroquial estaba decantado a favor do C.C.A.R. Ante esta situación facíase necesario chegar a un entendemento entre as partes e despois de diversas reunións entre as Directivas pasouse a informar as/os veciños/as e socios/as de como se atopaban as mesmas, así como cal sería o nome que se lle daría á nova entidade, xa que este era o último fleco que quedaba por cerrar, debateuse ao final entre dúas opcións “C.C.V.V.” ou “C.V.C.V.”a primeira recollía o da Cultura en primeiro  termo e a segunda o de Veciñal en primeiro termo, sendo esta a que se levou para a súa aprobación, para o cal Delio facía un simil entre o “Cabalo de Vapor=unidade de potencia, de símbolo Cv” e a dobre potencia que adquiría CVCV. Lembrar que cando se fixo esta comparación Carlitos que estaba de pé na Asemblea escarallouse de risa, e o resto tamén.

Na fusión, os directivos da Xunta Parroquial pasaron a selo da nova entidade ocupando o cargo de Vicepresidente Florentino Ramilo.

Os entroidos naceron na primeira Directiva de Delio Guisande, montándose por primeira vez un grupo de mozos disfrazados e facendo música, encabezados por Javier Comesaña(Beade) daquela músico da Banda de Valladares, e actualmente mestre da Banda da Estrada, o cal co seu saxo, acompañado dos demais membros fixeron “polvo cas orellas” paseando pola rúa Príncipe e outras da nosa cidade, dando pé a que dende o Concello puxeran en marcha o Entroido, da man do concelleiro Santomé e o empregado Bienvenido de Beade, sendo chamado Delio a diversas reunións no Concello para dar ideas para a súa posta en marcha. Así naceu o Entroido vigués, tal como está concibido hoxe. Valladares participou na primeira edición co tema “Cans da Guerra” nos que se representaba a Bush (pai) e a Sadám con un bombardeiro. Este avión montouse todo en “Xeso”, esparto e arame sobre unha alta plataforma, sendo o seu aspecto impresionante grazas ao impresionante traballo feito polos escaiolistas da parroquia.Tamén se puxo en marcha o Entroido de Valladares a ónde acudían as comparsas de outros lugares, celebrándose primeiro no Adro e despois na Gándara.

 

Antes da consecución do Pavillón de deportes, levouse a cabo un labor inxente para conquerir os terreos da Senra (Pedregal). Delio sufriu a ameaza do dono dunha finca prometéndolle que lle ía meter cinco tiros no corpo. Outros donos negáronse a ningún tipo de negociación, facendo que as xestións foran moito máis farragosas (David Comesaña Vila, Sergio Estevez Davila, Alfonso Pérez Freiría, Jorge Barreiro Alonso e outros máis, levaron o peso das negociacións). Despois tamén interveu Montes e adquiriu varias fincas en propiedade, xa que as primeiras pagounas o Concello, sendo o seu impulsor o Sr. Arca. Deste bo Concelleiro hai que lembrar que na anterior directiva de Delio, e estando el de representante da Deputación en Vigo, ao traveso do seu partido, conqueriuse que se asfaltasen as estradas do Portal, Barrocas, Laranxo e Freixo-Igrexa. O C.C.A.R. tiña que conseguir o morrillo e axudantes, e a Deputación poñía a maquinaría e o piche, ao final pagaron o morrillo tamén. Como axudante interveu Campio Comesaña o cal foi o “Empichador” maior do Portal, no Laranxo tíñamos negociado co domo a finca que da entrada dende a Estrada Xeral, despois de máis de sete reunións e chegado a un acordo económico, antes falárase de permutas, déuselle visto bo á obra, pero ao chegar alí as máquinas presentouse o dono e dixo que os cartos por diante, ou que senón non se lle tocase o seu terreo. Como o trato fora o de pago con un pagaré a seis meses esta nova e intransixente postura, rachou o compromiso e asfaltouse o Camiño do Laranxo sen tocarlle á devandita finca. Mais tarde e ca morte do domo da finca, chegouse a un acordo cos fillos, e por fin comprouse o terreo na súa totalidade, quedando unha entrada ampla, que permite incluso aparcar nas dúas marxes. Significar que o pago realizouno o Concello como si se tratase dunha finca máis da Senra, como sempre o mediador e valedor foi o Sr. Arca, e as dúas directivas de Delio queren facer mención especial para este benefactor da parroquia. Si hoxe hai Pavillón, Novo Centro Social, Parque e  Piscina, debeuse en gran medida ao Sr. Arca, xa que cría el moito máis no futuro de Valladares que algúns veciños os cales puxeron tódolos atrancos para que isto que hoxe empeza a ser realidade, non tivera continuidade, xa que algúns deles seguen ca mesma teima e mantéñense ca súa leira e coa leria.

 

O Pavillón de Valladares foi o único de tódolos contruídos polo Concello que non foi xestionado por eles, xa que nunha pelexa dialéctica co Sr. Álvarez Salgado, a sazón concellal de deportes, e co Director do Centro Municipal das Travesas, quen lles fixo a vida imposible a Tino e a Delio, pero que ao final tivo que dar a súa man a torcer, e deixarnos tódala xestión ao C.V.C.V. Esas batallas foron gañadas pero a guerra segue, e debe ser agora cando se trate o tema do Pedregal na súa globalidade e a titularidade debe corresponderlle á parroquia de Valladares ao traveso do C.V.C.V. e da Xunta de Montes en Man Común de Valladares ¡¡NON ESQUECELO!!

 

Hai algúns nomes que non están reflectidos en función de seu traballo: casos dos finados Belarmino González Alonso, Florentino Ramilo (Tino), Victorino Martínez Alonso e Xosé Ramón Seoane, todos eles loitadores ao traveso do movemento asociativo de todo tipo (CVCV, Apas, Augas, Fútbol, Montes, etc) sin esquecernos de Isidro Barreiro Quintas, salvo Victorino, homes con un historial na loita sindical nos momentos máis represivos da Garda Civil e Policía Franquista, tocándolle fuxir e esconderse no monte, donde algúns  pasábanlle información de como se ían desenvolvendo os acontecementos. Algúns deles foron malleirados e levados aos calabozos polo Garda Civil. Eles coa súa loita nas empresas, na cidade e na súa parroquia fixeron posible un futuro cheo de liberdade e de xustiza.Por todo elo Valladares non debe esquecelos e en algún momento habería que pensar nun recoñecemento público. No caso de Victorino foi un rebelde desde o seu especial catolicismo o cal aplicabao ao seo leal saber e entender. Iso creoulle bastantes problemas ata o punto que nesta “historia” en vez de nomealo faise constar como o “fillo de Elida”. Tamén tivo problemas co cura D. Javier o cal terminou, en compañía doutros veciños por chimpalo da parroquia. Tamén interviu de cheo na expulsión da Directora do Colexio Público da Igrexa e o seu home, que exercía como mestre, e tiña fama de pegarlle aos cativos. Polo demáis traballou en tódolos eidos e sempre estaba disposto a colaborar. Con ou sin razón é un cacho de historia de Valladares.

Na primeira directiva do Centro Veciñal e Cultural convén aclarar que o pavillon non era para Beade, no pleno do concello o que pasou foi que o finado Agustín Arca queriao ubicar máis preto da estrada pero houbo problemas cos dos terreos polo que se tomou a decisión de facelo onde está sopena de perder a subvención. Por estas datas fíxose o primeiro colector chamado G13 que é o que desemboca no Lagares.O proxecto solo chegaba á escola e tivemos que facer un gran traballo a nivel político e conseguimos que chegara ao Bar Catro Ventos, semáforos na Garrida e no centro foi un traballo moi duro pola sencilla razón que a súa colocación lle pertencía ao governo galego e se negaban a poñelos, fixemos xestións co concello o cal sendo Alcalde Príncipe comprometeuse a adiantar os cartos e poñelos, levouno a pleno e o Partido Popular opúxose. No centro están os acordos plenarios e de comisións de governo por si queredes lelos. Total que tivemos que empezar de novo ata que conseguimos que os puxera o Concello. Unha das obras da que nos sentimos orgullosos sendo todo o traballo importante, falando como centro , foi cando metemos a auga de Seragua en tódalas casas da parroquia sendo unha xestión moi necesaria porque naquela época a maioría dos pozos estaban contaminados. Quedoulle unha toma de auga pagaran ou non pagaran e gratis para o torreiro, o campo de fútbol e algunha mais, e cuxo custe foi de 50.000 pta por casa, isto logrouse depois de moitas entrevistas con Dolores Villarino que era responsable e fíxose coa aprobación da Asemblea tanto por parte do Centro como da Xunta de Montes para dar o permiso para o depósito dos pozos.

Sendo Delio Guisande Alonso Presidente do C.C.A.R e Isidro Costas Piñeiro Presidente da Comunidade de Montes, creouse unha nova figura na parroquia a figura do “xestor”. A novidade desta figura radicaba en que ía a ser remunerada, pretendendo cubrir un vacío nos horarios dos directivos. Os gastos desta figura asúmeos a Comunidade de Montes. A primeira persoa que ocupa este cargo é Isidro Piñeiro Pérez sendo relevado posteriormente por Carlos Alonso Piñeiro. Na actualidade a Comunidade paga o 75% e o C.V.C.V. o 25%. Tal e como se levan desenvolvido as cousas nos derradeiros anos, é necesario redefinir o contido das súas funcións. Tódolos Presidentes e Presidentas do CVCV seguramente estiveron e están encantados de que as cousas sigan marchando como marcharon e marchan. Ningún Presidente da Comunidade tivo nin ten a mesma percepción, quizais porque dende un principio dita figura foi absorvida totalmente pola trepidante dinámica do CVCV. Con independenza de quen sexa a persoa que teña ese cargo o que baixo ningún concepto pode ser un condicionante para tódolos Presidentes da Comunidade de Montes, en todo caso debería ser un cargo de confianza que tería que pasa-la reválida de cada elección e de cada nova Xunta Rectora.

Foi en setembro de 1989 cando saíu á luz unha nova publicación: “Vai-darlles”. Tratouse dunha revista de creatividade que durou un par de números. Entre os seus colaboradores estiveron: Mª Asunción Alonso, Araceli Da Vila Costas, Xulio Fernández Pintos, Carlos Martínez González, Raúl Alonso, Daniel Benavides, etc. Respectouse totalmente a liberdade de expresión dos artistas e, isto foi o que levou a que algún a empregase de máis. Por iso, o número tres parouse na imprenta e o responsable do consello de redacción, Carlos Alonso, dimitiu do seu cargo en cultura e abandonou durante algo menos de dous anos a directiva. Aclarar que o contido censurado saíu á luz baixo o título de “Folla +”.

Vai-Darlles foi un problema desde o primeiro número, pero a pesares de tódolos pesares seguiuse a diante con ela, tendo presións de tódolos ámbitos parroquais, de forma especial do Cura Párroco, e o 3º número parouse na imprenta non por un artículo de “Folla+” ou “Folla-“ si non por tódolo seu contido que para a maioría era noxento, xa que a dictadura deixara grandes problemas educacionais, e o pobo ia lentamente mergullándose na democracia e na liberdade, o cal fixo inviable aquel proxecto.

Ante a tendencia que se estaba a dar noutras parroquias de renderlles homenaxe aos maiores, a directiva de Delio, sendo máis orixinais, introduciron a conmemoración das Vodas de Ouro.


Centro Veciñal e Cultural de Valladares - Copyright © 2014